O venres 23 comeza na Casa da Fonte de Parada de Sil o V Festival dos Eidos. Na presentación, Uxío Novoneyra Rey, fillo do escritor d’Os Eidos, explicaba que o festival procura o mesmo que a propia Fundación Uxío Novoneyra: “poñer ao servizo do pobo un territorio aillado cunha programación cultural de vangarda.”
Un exemplo: o pasado ano, a Fundación iniciou o proceso para pedir á adminisración a rehabilitación da antiga escola de Parada, pechada desde hai medio século: “A antiga escola de María Mariño estaba a caer. É un ben de titularidade dos veciños da aldea recupe que levaba medio século pechada.” Pois ben, nesa escola estarán esta fin de semana a actriz Iria Pinheiro cun espectáculo de poesía escénica ou a pintora Chloé Aublet cun obradoiro de ‘sketching’ (debuxo en movemento).
Aínda que a poesía é “central e prioritaria” do proxecto, tamén conta con mostras de danza, teatro e música nun programa de tres xornadas completas que comeza o venres 23 ata o domingo 25.
Para Uxío Novoneyra Rey, o Festival é unha proba da viabilidade dos proxectos no rural: “Non fai falta que veñan alemáns a comprarnos aldea por aldea. Na viabilidade do rural está a viabilidade de Galicia, como non o intentemos unha e outra vez… O Courel é un sitio aillado, con infraestructuras arcaicas… Este é un exemplo de que a xente do rural pode sacar adiante calquera tipo de proxecto.”
“Non fai falta que veñan alemáns a comprarnos aldea por aldea. (…) Este é un exemplo de que a xente do rural pode sacar adiante calquera tipo de proxecto.”
O festival arrinca o venres cun obradoiro de realización documental con Gaspar Broullón e Pepe Coira, un roteiro por Parada de Sil ou un concerto de Laura Lamontagne. Tamén hai espazos para falar de medio ambiente, cunha palestra sobre a volta do oso ao Courel, a presentación da longametraxe Trinta Lumes ou unha actividade de avistamento de aves. Este tipo de programación tamén busca achegar a cultura ao rural: “que a xente da aldea máis illada do Courel teña o mesmo acceso á cultura que calquera, e tamén formar a persoas que queiran traballar na cultura no Courel, por iso hai obradoiros.”
En definitiva, ducias de actividades moi diversas nun programa de vangarda que farán do Courel un punto de encontro entre persoas locais e chegadas desde todo o país. “Hai xente que leva vindo 20 anos ao Courel, sempre repiten”, explica Uxío. Un referente cultural do que ben de seguro, Uxío Novoneyra estaría máis que orgulloso.