Chega o verán e, con el, unha nova edición do Festigal, o festival da música galega que constitúe unha mostra de “orgullo do propio”. A noite do 24 de xullo, o Campus Sur de Compostela mesturará “tradición e modernidade” da man de Sés, Rebeliom do Inframundo, DJ Bambooh e The Lelli Kelly’s, a banda gañadora do certame “Novos Valores”. Os concertos comezarán ás 22.00 horas.
Ao día seguinte, no Día da Patria Galega, actuarán a partires das 17.00h Sonia Lebedynski, A Banda da Balbina e Os Viqueiras de Ordes. Todo isto para gozar dunha auténtica “festa da liberdade”.
Homenaxe a Valtònyc: O Festigal mantén a súa presenza no cartaz
Con todo, non actuarán no Festigal tódalas persoas reflectidas inicialmente no cartaz. A organización decidiu manter, dun xeito simbólico, ao rapeiro balear Valtònyc —actualmente en Bélxica após ser condenado en España a tres anos e medio de prisión—, como acto reivindicativo da súa absolución.