
“É un día de orgullo para a cidade de Ferrol”, manifestou ao remate do pleno o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez. Non era para menos logo de acadar un acordo de todos os grupos de esquerda para aprobar, co seu voto de calidade, os orzamentos máis elevados da historia da cidade: 69.172.261,29 euros.
Ata última hora BNG e PSOE non descubriron publicamente as súas cartas que foron negociando nos últimos días. Para Jorge Suárez non hai gañadores nin perdedores nin importan as siglas partidarias. ““Estes non son os orzamentos de Ferrol en Común, nin do PSOE nin do PP, nin de ningún grupo político. Son uns orzamentos para Ferrol, para a cidade e a súa veciñanza e creo que no que queda deste ano e no que ven, haberá investimentos importantísimos que suporán un salto cualitativo e de calidade”.
A satisfacción do alcalde era evidente ao conseguir poñer de acordo formacións con diferenzas nos últimos anos. “Ao fin logramos demostrarlle a cidadanía que cando hai diálogo e se negocia con sentido común e a vista posta na rúa podemos chegar a acordos satisfactorios”, sinalou Suárez.