
En Ferrol o Consello Sectorial da Muller quere saldar unha débeda histórica coas mulleres no seu rueiro. A súa derradeira xuntanza aprobou, froito dun proceso participado, unha proposta de rueiro en feminino.
A idea é recuperar a memoria de mulleres, ferrolás ou non, que nun momento das súas vidas tiveron un papel moi significado e destacado na defensa dos nosos dereitos en aras da igualdade.
Na listaxe inicial figuran nomes como os de Clara Campoamor, Maruja Mallo, Elisa e Marcela, ao carón dos de Amada García, Ánxos Alvariño, Ángela Ruiz Robles, Xohana Torres, Reme López, -promotora dos Maios en Canido, xunto cos nomes Sari Alabau, Blanca Quintanilla ou Coral Seoane.
A proposta inicial aspira a facer, por exemplo, do barrio das vivendas de Telleiras un barrio singular e único en Galicia onde todas as rúas teñan o nome dunha muller da historia significada na defensa do xénero feminino. Tamén hai previsto feminizar o rueiro doutros barrios singulares como Canido e Ferrol Vello.