Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña

O futuro dos terreos do Porto da Coruña segue sen resolverse. O alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, solicitoulle por carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, unha reunión urxente “preferiblemente antes de que remate este mes de maio” para resolver a situación. O texto da misiva, que pode consultarse na web municipal, sinala a preocupación do rexedor polo acordo entre o Ministerio de Fomento, Puertos del Estado, a Xunta de Galicia e o propio ente portuario da cidade. Para o alcalde nel “ as partes poñen negro sobre branco algo que non deixa de preocuparnos: a aposta pola continuidade da operación urbanística deseñada nos convenios de 2004 e mesmo pola aceleración dos prazos e os procedementos para a desafectación dos peiraos de Batería, Calvo Sotelo e San Diego”.

Sen resposta desde outubro

Xulio Ferreiro lémbralle a Feijóo que “nunca recibimos unha resposta oficial á proposta que en outubro do ano pasado lle fixemos a todas as administracións, incluída a Xunta de Galicia, para a constitución dun consorcio público que impulsase e xestionase a transformación da nosa beira atlántica” malia que o concello da Coruña contou co apoio “ maioritario na Corporación da Coruña e foi respaldado tamén de xeito explícito no Pleno da Deputación provincial e polas alcaldías de Oleiros, Sada, Cambre, Culleredo, Bergondo e Betanzos”.

Revisar os convenios de 2004

O alcalde da Coruña propón un acordo nunha negociación “que recoñeza o liderado da cidade da Coruña e das súas institucións, que implique unha renegociación e revisión dos convenios de 2004, garantías para a titularidade e a xestión públicas na transformación do litoral” ademais de crear “un consorcio público no que participen todas as administracións que crean en nós”. Na carta Xulio Ferreiro tamén propón “impulsar un distrito do mar en San Diego” e crear unha comsión de seguimento dos acordos de 2004.

- Publicidade -