O (auto)coidado converteuse nun eixo fundamental nestes tempos de epidemia do coronavirus. Por esta razón, a equipa de Nós Televisión centrouse en buscar voces nos feminismos e nas traballadoras dos coidados. Reunimos nesta peza algunhas das persoas ás que acudimos:
1 – Coidados psicosociais nesta crise sistémica con Mari Fidalgo, activista feminista e psicóloga
“O racismo non está de corentena”, sostén a activista Mari Fidalgo ante este 21 de marzo, Día Internacional da Eliminación da Discriminación Racional, marcado de cheo pola crise sanitaria e sistémica ante a xestión do COVID-19. A psicóloga feminista reflexiona sobre a situación que atravesamos como sociedade e achéganos algúns consellos para poder coidar e coidarnos psicosocialmente.
2 – Lola Ferreiro, activista feminista e psiquiatra: “Estamos collendo medo á vida”
O medo é unha emoción xerada pola percepción dun perigo, ben sexa real ben sexa suposto. A activista feminista e psiquiatra, Lola Ferreiro, reflexiona ante as cámaras de Nós Televisión sobre o impacto social do medo e as súas consecuencias a raíz da xestión gobernamental da COVID-19 e a cobertura informativa realizada polos mass media.
“Hai xente que vindo de traballar foi cuspida e insultada”, denuncia Ferreiro que explica a importancia do papel da culpa nas reaccións á xestión institucional da pandemia. “Fronte os insultantes, están os grupos de apoio mutuo“, sostén a activista feminista que destaca a xenerosidade do pobo.
3- “As contratacións precarias do persoal sanitario están agravando a crise sanitaria do COVID-19”
O colectivo de Enfermeiras eventuais en loita denuncia a grave repercusión das contratacións precarias na crise sanitaria do coronavirus. “Temos medo por nós mesmas e tamén polas nosas pacientes”, sostén Aurora Magán que reividinca a calidade e continuidade dos coidados. “A continuidade dos coidados é imprescindible para as nosas pacientes e para nós, para minimizar as consecuencias desta pandemia”.