O debate sobre o Estado da Autonomía arrancou este mércores no Parlamento de Galicia coa intervención do presidente da Xunta seguido das correspondentes quendas dos grupos parlamentarios. Dende primeira hora da mañá, Alberto Núñez Feijóo comezou forte, tentando disipar as críticas que sinalan unha mirada cara Madrid: “O meu compromiso con Galicia está máis vixente ca nunca”. Con todo, cada valoración e cada proposta era comparada con España, para a que Galicia é “exemplo”: “Para España quero o exemplo que damos os galegos”.

- Publicidade -

No seu discurso, Feijóo fixo reproches continuos pola “parálise” e “irresponsabilidade” do goberno central en diversos temas: retención dos fondos de Galicia, a falta de respostas cos prazos do AVE, pouco persoal médico na sanidade, enerxía, a factoría de San Cibrao de Alcoa… A mensaxe a transmitir era clara: “A inestabilidade nacional ten consecuencias económicas para Galicia.”

Tamén sacou peito no relativo á sanidade: “Nunca tivemos unhas mellores prestacións sanitarias que agora”. Feijóo fixo responsable ao Goberno de España do escaso persoal médico do Sergas.

Sobre xestión forestal e xestión da auga, ignorou as críticas das organizacións de montes e ecoloxistas e alabou o traballo do seu propio goberno, en especial en labores de prevención, aspecto criticado hai unha semana pola plataforma Por un monte galego con futuro. Mencionou a “industria forestal” e os “eólicos” como prioritarios e rexeitou a visión do resto de grupos sobre o rural galego: “de baleirado, nada”.

En canto a propostas, anunciou melloras en infraestructuras, na tarxeta de transporte metropolitano para xoves, en investigación universitaria ou a gratuidade na educación entre 0 e 3 anos, “sempre que o estado pague”.  O presidente da Xunta defendeu de novo as doazóns de Amancio Ortega para residencias de maiores: “é un orgullo que Inditex sexa galega”.

Reaccións do resto de grupos

Ante o discurso, con continuas referencias a España, a nacionalista Ana Pontón recalcou con retranca que “non estamos en Madrid, nin nunha sesión de coantrol a Pedro Sánchez”. Tralo discurso, comentou que Feijóo “debe vivir nos mundos de ‘yupi’ de Monte Pío.”

Para Luís Villares, do Grupo Mixto, o discurso e o propio adianto do debate foi “unha cortina de fume” e considera que Feijóo “banaliza” os problemas das galegas e galegos.

Antón Sánchez, do Grupo Común da Esquerda, cre que o presidente quixo “escapar da realidade eludindo as súas resopnsabilidades” e lembrou que durante unha década, Feijóo traballou para “os poderosos”, o que o inhabilita para falar dos problemas da cidadanía.

Para o socialista Gonzalo Caballero, a comparecencia supón o “peche político” a dez anos de mandato. “Carece de solucións para a cidadanía galega, segue vivindo na Galicia do coche oficial. Non recoñece a Galicia real do país.”

Respostas nas redes

Luca Chao, do Grupo Común da Esquerda, non toma en serio as medidas anunciadas na comperecencia do Presidente da Xunta. Nunha liña semellante se pronunciaron Paula Quinteiro ou Xaquín F. Leiceaga.

A sesión parlamentaria retomarase ás 16:00 coa intervención do resto de grupos parlamentarios.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego