Feijóo retoma o discurso do “desgoberno” para a campaña electoral

Presentou a Jesús Vázquez, candidato por Ourense como “peonil” fronte a “rexedores ególatras”

Feijóo presentando a Jesús Vázquez no Hostal dos Reis Católicos

Non faltou ninguén á cita. A presentación en Compostela de Jesús Vázquez a través dos almorzos informativos do Forum Nueva Economía reuniu no Hostal dos Reis Católicos a conselleiros e conselleiras, alcaldes e alcaldesas, ao presidente da Deputación de Ourense e ao Presidente do Parlamento. O propio Alberto Nuñez Feijóo deu o toque solemne á apertura do curso político apoiando á única alcaldía de cidades que conseguiu o PP nas pasadas eleccións.

- Publicidade -

O presidente da Xunta non se apartou do guión (seguido case nos mesmos puntos logo polo rexedor ourensán) e falou de “turbulencias” na política mundial, española e galega e tamén de Catalunya “cun golpe de Estado permanente”. Logo recuperou o discurso de anteriores eleccións e falou de “desgoberno” noutras institucións (enténdase, onde non goberna o seu partido) de “rexedores ególatras” e de “personalismos grotescos”.

“Unha das cidades máis bonitas de España”

Na quenda do protagonista do almorzo, Jesús Vázquez non se cortou en anunciar que hoxe “arrancan as municipais” e deixou caer o seu orgullo por ser o candidato “dunha das cidades máis bonitas de España”.

Seguiu o discurso de Feijóo e afirmou que vivimos nunha “creba de credibilidade nos políticos” por un “alento dos extremismos”. Chegou a comparar ao independentismo catalán con Le Pen e mesmo pasou un intre pola relación de Podemos con Venezuela.

Vázquez non quixo falar de enquisas nin de Ciudadanos, “non me preocupa o que fan os demais”, e botoulle en cara ao PSdeG non telo apoiado nesta lexislatura.

Preguntado polas súas conversas con outros conselleiros e candidatos falou de Mato, José Manuel Rey… e Román Rodríguez. Quen sabe se aínda quedan algunhas sorpresas na chisteira de Feijóo!

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego