Feijóo tiña ben aprendido o seu discurso e non retirou nin unha coma do que dixo onte na recepción do cadro de Castelao. O presidente da Xunta reiterou en rolda de prensa o seu orgullo por ter sido o seu goberno o que trouxo A derradeira leición do mestre a Galiza.
“Se somos culpables de traer o cadro a Galicia asumimos esa responsabilidade”, asegurou con retranca hoxe diante da prensa, “non debera haber ningún político ao que lle moleste que ese cadro o teñamos aquí, lamento que a alguén lle moleste”.
“Castelao é patrimonio de todos e non é propiedade dos nacionalistas nin de ningún partido”
O patrimonio de Castelao
Mais foi máis alá reivindicando o legado do histórico nacionalista e pasou ao contrataque. “Castelao é patrimonio de todos e non é propiedade dos nacionalistas nin de ningún partido”, afirmou o presidente da Xunta.
E aínda como querendo retar á oposición, nomeadamente ao BNG e a En marea, chegou a sinalar que “imos mellorando, porque cando chegaron os restos de Castelao os incidentes lamentables que alí se produciron, neste caso non se produciron”.