“Feijóo non pode gobernar a Xunta a tempo parcial”

BNG, PSdeG e En Marea advirten ao actual presidente da Xunta da "incompatibilidade" de liderar o PP e o Goberno galego. Feijóo desvelará o seu futuro ás 20.00h

Alberto Núñez Feijóo encara unha semana decisiva para o seu futuro e o de Galicia. O actual presidente da Xunta deberá anunciar antes do mércores se presenta ou non a súa candidatura para liderar o Partido Popular, unha cuestión sobre a que gardará silencio até o momento decisivo.

Feijóo está de retiro espiritual

No Parlamento, a voceira do BNG, Ana Pontón, lamenta que o mandatario galego non estea “atento” aos problemas do país no tempo que dura este “retiro espiritual”. Asemade, o líder de En Marea, Luís Villares, critica a “complicidade” do presidente do Parlamento, Miguel Santalices, co “silencio” imposto por Feijóo durante os últimos dous anos. Máis crítico é o portavoz do grupo socialista, Fernández Leiceaga, que advirte da “incompatibilidade” de presidir o PP e a Xunta “a tempo parcial”.

Feijóo desvelará ás 20.00h o seu futuro

Porén, o PPdeG sae en defensa de Núñez Feijóo e asegura que, alén de que aínda non hai un “anuncio oficial” por parte do presidente galego, os dous cargos poderían ser “compatíbeis”. Neste senso, o voceiro do grupo, Pedro Puy, lembra que o presidente asturiano, Javier Fernández, liderou a Comisión Xestora do PSOE durante máis de nove meses.

Este luns, o deputado no Congreso Pablo Casado anunciaba a súa candidatura a liderar o partido, sumándose deste xeito ao exministro García-Margallo, o deputado García Hernández e o exdirixente de Nuevas Generaciones, José Luis Bayo. Pola súa banda, Núñez Feijóo vén de convocar unha rolda de prensa ás 20.00 horas para desvelar hoxe mesmo a incógnita que arrodea o seu futuro.