Feijóo enxalza o papel de La Voz de Galicia e ataca con dureza os medios de comunicación dixitais

O presidente da Xunta participou no acto de entrega do Premio Diego Bernal no que se recoeñeceu a traxectoria do director de La Voz de Galicia. No mesmo acto, Feijóo quixo contrarrestar o papel do xornal coruñes co traballo desenvolvido polos medios de comunicación dixitais: “Estorbamos a aqueles que substitúen a política polo mero activismo e a comunicación pola arenga”

A semana deixou unhas declaracións que pasaron certamente desapercibidas. O presidente da Xunta de Galicia participou o pasado xoves na entrega do Premio Diego Bernal, outorgado pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG). Nesta ocasión, o recoñecemento recaeu en Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia. A súa “traxectoria como xornalista multidisciplinar” foi o argumento esgrimido para recoñecer o papel de Vilela ao longo da súa traxectoria profesional da que asumiría responsabilidades en practicamente todas as seccións deste xornal.

- Publicidade -

As forzas que cuestionan, por elitista, ao xornalismo tradicional, son as mesmas que poñen en solfa a democracia representativa

Foi o propio presidente da Xunta que, neste acto de recoñemento, realizou unha serie de curiosas loubanzas cara La Voz de Galicia. Así, o presidente da Xunta destacou que este medio de comunicación é “a voz da maioría dos galegos”. Porén, as loubanzas de Fejóo non ficaron só niso. O titular do Goberno Galego quixo tamén criticar con absuluta dureza o traballo dos medios dixitais galegos, aos que acusou directamente de atacar á democracia representativa. Como así se pode observar no propio vídeo difundido pola Xunta de Galicia.

Neste senso, Feijóo quixo vincular o xurdimento de novos medios de comunicación dixitais coas forzas populistas e, dun xeito pouco descarado, quixo asumir que o seu barco é o mesmo que o da Voz de Galicia. “Estorbamos a aqueles que substitúen a política polo mero activismo e a comunicación pola area” resaltou ao mesmo tempo que indicaba que a realidade “demostra” que tanto a política como a comunicación dos que “loitan contra as fórmulas tradicionais, acaba sendo piramidal, hermética e fratricida”.

Unhas afirmacións do Presidente da Xunta que coinciden de cheo coa política de medios do Goberno galego e que consiste en destinar millóns de euros a manter eses grandes grupos mediaticos tradicionais e, nomeadamente, La Voz de Galicia. E, malia todo isto, o xornal coruñes puxo en marcha durante as últimas semanas unha importante reconversión e que xa está a provocar procesos de despido das e dos seus traballadores.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego