A segunda sesión do Pleno de investidura no Parlamento galego evidenciou os diferentes ritmos políticos de cada formación representada na cámara na bancada da oposición. Por un lado a portavoz nacional e voceira parlamentaria do Bloque, Ana Pontón, criticou con dureza o discurso de investidura de Alberto Núñez Feijóo sinalando que este é “un bo propagandista” que esquece o que fixo na súa anterior lexislatura.
O do portavoz do PSdeG no Parlamento, Xoaquín Fernández Leiceaga, realizou unha intervención baseada en achegas económicas e salientando os factores demográficos que vive o noso país. No seu discurso lembroulle a Feijóo algunhas das promesas que realizara oito anos antes.
O lider da oposición e portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, foi, se cadra o máis duro co discurso de Alberto Núñez Feijóo. Comezou situando a realidade do país segundo a súa visión para logo acusar a Feijóo de non comprender ao país.
Pedro Puy, portavoz do PpdeG, defendeu o discurso do presidente do seu partido e quixo desmontar as críticas da oposición.
Na resposta ás diferentes intervencións da oposición, Alberto Núñez Feijóo deu xogo a algunhas das achegas que realizou o voceiro socialista e rexeitou as críticas de Ana Pontón e Luís Villares.