Home Programas Espazo Aberto Fátima Fernández: “A primeira vez que me recoñeceron a categoría de educadora social foi porque denunciei”

Fátima Fernández: “A primeira vez que me recoñeceron a categoría de educadora social foi porque denunciei”

0
Fátima Fernández: “A primeira vez que me recoñeceron a categoría de educadora social foi porque denunciei”

“Dende pequena quixen ser profesora, pero cando chegou o momento matriculeime en Educación social porque as materias gustábanme máis”. Fátima Fernádez é educadora social dende o ano 2007 e, dende aquela, encadeou contratos arredor da súa profesión. “Cando rematei tiña que explicar en que consistía o meu traballo, hoxe por hoxe a xente xa o coñece un pouco máis”, sostén e apunta á Administración como a principal causante dos problemas que atravesa a educación social. “A Administración empéñase en invisibilizarnos e deixarnos á marxe, como por exemplo no borrador das oposicións da Xunta“, que deixan fóra da convocatoria a categoría da profesión.

Que problemas detectas coa Administración?

Fátima Fernández: Véxoo cada vez que un Concello saca unha oferta de emprego público onde as funcións claramente deben de ser desempeñadas por unha educadora social e poden presentarse profesionais da Educación Infantil, Educación Primaria, Psicoloxía…Teño visto bases de Concellos nas que podían presentarse persoas con título de monitora no tempo de lecer. Unha discriminación para nós, un perigo para o servizo que se vai ofrecer e un auténtico insulto para a cidadanía que ten o dereito a recibir unha atención especializada.

“Teño visto bases de Concellos nas que podían presentarse persoas con título de monitora no tempo de lecer”

Lembro perfectamente un dos meus primeiros traballos como educadora nunha residencia de maiores, contratada co plan coopera da Xunta no ano 2009. Ao rematar os 9 meses presentei a memoria de actividades na que xustificaba como se acadaron os obxectivos do proxecto de ASC que realicei no centro. A dirección deume os parabéns, pero decidiu contratar a unha persoa sen a formación axeitada para que lles ensinara a calcetar e a facer manualidades. Era moito máis barato que unha educadora social. Tratouse dun dos golpes máis duros que recibín, e así dende entón. Son xa máis de 12 anos reivindicando a nosa profesión.

Tamén podemos falar da tendencia a asociar educación social con centros de menores, residencias da terceira idade ou asociacións, cando os servizos que prestamos deberan estar presentes tamén nos centros escolares, servizos sociais de todos os concellos, organizacións xuvenís, centros de información á muller, centros de formación, etc.

E no plano laboral?

F.F.: Na Galiza non está recoñecida a profesión como noutros lugares. A primeira vez que asinei un contrato como educadora social foi en Cataluña. Nese momento fun informada dos meus dereitos, do meu horario, do meu salario segundo o convenio e asignáronme as miñas funcións. A maiores entregáronme unha guía de pautas educativas a ter en conta no meu centro. Gardo ese documento como se fose unha reliquia (impreso en papel reciclado e escrito en catalán).

“Tiven que escoitar nalgún momento da miña vida laboral que o meu salario era moi baixo porque o meu era moi vocacional”

Aquí tiven contratos de monitora, coidadora, educadora, educadora de menores, animadora comunitaria, auxiliar… A primeira vez que me recoñeceron a categoría foi porque denunciei a situación. No entorno que coñezo é moi habitual que as profesionais desempeñemos funcións de educadora social e que no contrato figure como educadora, integradora social ou animadora sociocultural.

Tiven que escoitar nalgún momento da miña vida laboral que o meu salario era moi baixo porque o meu era moi vocacional. Cheguei a cobrar 6,5 euros a hora, ademais de tentar venderme como un favor o feito de darme de alta na seguridade social -condición indispensable a nivel legal para poder traballar-. Un dato curioso é que cada vez que me presento a unha praza e vou a compulsar a documentación, sempre chancean coa nosa inestabilidade laboral porque están media hora revisando todos os contratos por obra e servizo que teño.

“Algo que me encolle o corazón é ver como grandes profesionais deixan os proxectos nos que traballan porque non poden ter unha vida digna”

Todo isto do que falo é, para min, un exemplo da precariedade na que vivimos. A precariedade que afecta á nosa vida persoal porque estamos continuamente suxeitas a cambios de horarios, a ter dispoñibilidade para a mobilidade xeográfica, a estar meses sen actividade ou meses con excesiva actividade, a estar dispoñibles nos nosos teléfonos persoais 24 horas ao día e a cambios nos horarios de traballo, entre moitas outras cousas. Algo que me encolle o corazón é ver como grandes profesionais deixan os proxectos nos que traballan porque non poden ter unha vida digna.

Cuestión importante por igual é o chamado “traballo invisible”, ese que non se ve pero que é igual de importante que a intervención directa: falo das programacións, compras de material, avaliacións,informes, desprazamentos, chamadas de coordinación…

No referente aos servizos nos que o Goberno cede a xestión ás empresas a través de concesións, atopámonos que non se revisan as condicións laborais das traballadoras. Os concellos din que é responsabilidade da concesionaria e esta bota o balón sobre a administración. E, mentres, nós non podemos pagar o alugueiro nin facela compra. Así de crú! Na miña opinión non hai vontade política por prestar un bo servizo.

“A educación e os coidados sempre estiveron desempeñados por mulleres, o que significa que foron gratuítos”

Relaciona a precarización desta profesión con que sexa un traballo feminizado e baseado nos coidados das persoas?

Os traballos máis precarios son os desenvolvidos por mulleres, isto é unha realidade. A educación e os coidados sempre estiveron desempeñados por mulleres, o que significa que foron gratuítos. As nosas nais e avoas coidaron a crianzas, maiores dependentes, traballaron na casa, no campo e nunca cobraron nin cotizaron. Despois facemos unha pintada da “gran muller galega” e aplaudimos porque é unha heroína. Penso que estamos en débeda con elas, especialmente o Estado que permitiu e permite isto, lexislando na nosa contra, como cando se aprobou a Lei de Familia e Convivencia de Galicia. Ao final é todo unha cuestión económica. Se cada muller deste país puxera un “taxímetro” polos traballos que fai sen cobrar….vamos, isto paralizábase!

O patriarcado está moi latente e algo que parece básico non o é. A educación e os coidados son unha responsabilidade compartida e non poden recaer nas mulleres unicamente . É un tema moi delicado que vai vencellado á violencia que recibimos diariamente e que incluso normalizamos porque xa nacemos con ela.

Aquí as educadoras sociais sabemos do que falamos cando facemos pedagoxía diariamente explicando ás familias coas que traballamos que teñen que cambiar algúns costumes ou hábitos. Cada vez hai máis familias colaboradoras, que saben que están sendo orientadas por profesionais, pero aínda temos que escoitar moitas veces algúns comentarios como “vasme dicir ti a min como educo”, “a ver quen pensa que é esta para dicirmo o que teño que facer na miña casa”, “a letra con sangre entra”, “a min non me veñas con estas moderneces” …. Na maioría dos casos son comentarios por parte de homes.

Unha reflexión sobre a que cavilo ultimamente é sobre a autoridade de moita xente para opinar sobre o noso traballo, cuestión que non se pode deixar de relacionar tampouco co feito de ser unha profesión moi feminizada. O dereito co que persoas non profesionais opinan sobre a educación social non se ve noutras profesións con máis recoñecemento e, por suposto, máis masculinizadas. A min non se me ocorrería dicirlle a un arquitecto que cemento ten que usar para facer unha ponte, por exemplo.

Que retos tendes por diante as persoas que traballades como educadoras sociais?

O principal reto é poder traballar con dignidade, O auto coidado é básico para desenvolver ben o noso traballo. Outro dos grandes retos que temos por diante é dar a entender a importancia da prevención como unha fase do proceso educativo. Si educamos dende a primeira infancia en valores prosociais poderemos algún día falar da idea de que deixen de asasinarnos por ser mulleres.