No Día Mundial da Saúde Mental 2019, falamos con Xosé Ramón Girón, presidente de FEAFES Galicia, sobre o suicidio, un dos problemas máis graves de saúde pública.
Girón explica que o suicidio segue a ser un tema moi estigmatizado socialmente nos “en países católicos”: “Ese tipo de prexuizos culturais fan máis dano do que parece.”
Para rachar con este estigma explica a importancia de falar con normalidade dos suicidios “desde as escolas e os institutos” e sinala tamén a responsabilidade dos medios de comunicación: “Hoxe en día a dinámica é a da explosión, a noticia que vai xerar máis comentarios nas redes sociais… Isto para solucionar problemas deste tipo non vale para nada e pode empeoralo porque provoca máis estigma. Habería que falar do suicidio con sensatez e con datos.”
Xose Ramón Girón aporta un dato para sinalar a relevancia deste asunto: “en Galicia entre 2007 e 2017 suicidáronse 3600 persoas. O suicido comeza a ser un asunto de saúde pública dunha relevancia enorme.”
Para combater este dato, o segundo máis alto do estado español, o presidente de FEAFES aposta pola “prevención e o tratamento das enfermedades mentais.”
Falar máis e medicar menos para previr o suicidio
Lembran que ao suicidio se chega “por unha dor psíquica insoportable”. Para tratar iso, explican a importancia de que a persoa non sinta estigma por falar dos seus problemas, do que sinte: “Se unha persoa sabe que ao falar con alguén non van recibir ningún estigma, estarémola axudando dunha maneira efectiva.” Ao que engade Girón: “Normalmente a primeira reacción dunha persoa cun problema é a retracción, ter medo a falalo porque pensa que non o van entender, e seguramente, e o máis humillante, é que lles van dar unha receita. Nós pensamos que o máis importante é empezar a traballar por un método que é o máis sinxelo: falar”.