A colaboración de dúas concellarías, a de Participación e Rexeneración democrática e a de Cultura, deporte e coñecemento, vén de poñer en marcha o espazo de participación denominado Tribuna Pública, un dispositivo de activación social e cultural situado na explanada entre a antiga Fábrica de Tabacos e A Casa do Mar da Coruña.
A explanada da antiga Fábrica de Tabacos alberga dende o pasado mes de decembro unha instalación temporal que funciona como un espazo aberto para a participación, a exhibición e o intercambio de iniciativas artísticas, culturais e sociais en relación aos terreos dos portos interiores da cidade e os seus futuros usos pero tamén sobre a súa memoria.
Tribuna Pública está ligado directamente co proxecto Tecendo Litoral: un concurso de ideas impulsado polo goberno municipal que pretende reflexionar sobre os usos dos peiraos e o bordo litoral da cidade. Con esta instalación, que se manterá ata xuño, o goberno local pretende que Tribuna Pública sexa un espazo de confluencia no que partillar ideas entre organizacións de barrio e entidades locais, asociacións ecoloxistas ou de reivindicación de memoria da cidade.