Este concello da comarca do Deza de algo máis de 9.000 habitantes segue a manter unha forte presenza da nosa lingua, mais en determinados ámbitos, como é o caso dos núcleos urbanos, o galego retrocede. É por este motivo que a concellaría de Normalización Lingüística deste municipio organiza unha serie de actividades na procura de que o noso idioma non perda posicións entre a cidadanía. Unha delas é “Contos, contiños… para medrar todos xuntiños”, que forma parte dos Programas “Avelaíña” e “Verbas no ar” que tiveron lugar na Casa da Xuventude de Silleda.
As iniciativas que se realicen para potenciar o uso da nosa lingua son fundamentais. A concelleira Pilar Peón, responsable no momento de realizar esta reportaxe da área de Normalización lingüística, explícanos o papel que xogan as institucións no fomento do galego.
Estas actividades impulsadas polo Concello de Silleda tiveron moi boa acollida por parte das familias do municipio.
O galego terá futuro se se coida desde o berce
Baixo o lema de “Aloumiños en galego” atópase unha actividade dirixida ás familias que acaban de recibir a un novo membro.
A importancia deste tipo de iniciativas busca rachar cos obstáculos da transmisión xeracional do galego aínda moi presentes na nosa sociedade actual. A nivel institucional o Concello de Silleda, ademais, vén de aprobar a ordenanza que establece a obrigatoriedade do uso da nosa lingua en todas as comunicacións internas e externas que se realizan nos distintos departamentos municipais.