Home Programas Espazo Aberto Evencio Ferrero: “O urbanismo do municipio ten que servir para que as persoas ocupemos as rúas”

Evencio Ferrero: “O urbanismo do municipio ten que servir para que as persoas ocupemos as rúas”

Evencio Ferrero: “O urbanismo do municipio ten que servir para que as persoas ocupemos as rúas”
Evencio Ferrero (IC)

Evencio Ferrero (Carballo, 1955) é un dos persoeiros centrais da vida social e política da comarca de Bergantiños. Activista, fundador de varias asociacións, entrou en contacto coa política municipal moi cedo, en 1979. Nesta entrevista para Nós Televisión critica a postura de Feijóo ao non diferenciar o seu cargo do seu partido e fálanos do “efecto Pontón”.

Na alcaldía desde o 2003. Todo un referente xunto con Pontevedra e Allariz como exemplo de goberno municipal nacionalista. De que se sente máis orgulloso de todo o realizado no concello polo BNG?

Se teño que escoller unha acción das moitas que se levan realizado no noso concello quédome con algo moi simbólico. A limpeza viaria no seu momento foi contratada a un centro especial de emprego, ASPABER, que traballa con persoas con discapacidade psíquica. Logo diso ASPABER gañou o concurso de limpeza dos edificios municipais e os centros educativos. Digo isto porque o concello de Carballo exemplifica nestas decisións que facemos políticas para as persoas.

Evencio Ferrero nun mitin (IC)

Agora veñen unhas municipais e hai espectativas, propoñer un programa. Que propostas presenta para o futuro de Carballo? Cales serán as demandas sociais máis importantes que pensa satisfacer?

Nós o que propoñemos é continuidade. Fomos durante estes anos facendo un proceso de humanización, un proceso que fixera de Carballo un bo lugar para vivir. O urbanismo do municipio ten que servir para que as persoas ocupemos as rúas, disfrutemos. O que queremos é avanzar nese deseño urbano. Que Carballo sexa para todas as persoas, as que aquí viven e as que nos visitan.

Logo haberá outras cuestións que xa son de ámbito supramunicipal como é desenvolver a segunda fase do polígono industrial porque a primeira xa está, cun nivel de ocupación superior ao 80% e non debería pasar que unha empresa teña como prioridade instalarse entre nós que non o puidera facer por falta de solo industrial. Logo tamén a circunvalación como saída cara o sur de Galicia.

A circunvalación ten que ser un compromiso da (…) Xunta

É un anacronismo que no medio da malla urbana, polo medios das rúas de Carballo, e nomeadamente por unha zona escolar onde hai un centro de secundaria, unha escola infantil e un gran centro de primaria que é o segundo de máis alumnado de Galicia, pase tráfico de gran tonelaxe. É un problema de seguridade que tamén haberá que resolver. A circunvalación ten que ser un compromiso da institución correspondente que, neste caso, é a Xunta de Galicia.

Feijóo, nesta campaña para as municipais, asegura poder recuperar o “terreo perdido” na provincia…

O presidente da Xunta visitou Carballo nun acto electoral porque son as únicas visitas que realiza ao noso concello. En dez anos que leva de presidente da Xunta non fixo ningunha soa visita oficial, para coñecer necesidades ou para propoñer melloras. A única que realizou foi para inaugurar a primeira fase do polígono industrial que foi unha obra que contratara o goberno bipartito anterior.

En dez anos que leva de presidente da Xunta non fixo ningunha soa visita oficial a Carballo

Ademais o presidente da Xunta na visita que fixo este pasado sábado tivo o descoido de afirmar que se o candidato do PP era o responsable da alcaldía que se falaría da circunvalación. Eu creo que un presidente ten que gobernar cumprindo co Estatuto de Galicia e que hai que gobernar en función das necesidades que ten a poboación, non en función da cor política do goberno do momento. Só deste xeito as discriminacións son maiores. Polo tanto nós o que agardamos é que fora un lapso do presidente e que realmente, cando un ten a responsabilidade de presidir o que debe de facer é tentar gobernar para todos sabendo que é imposible gobernar a satisfacción de todos.

O BNG apunta ao “efecto Pontón” nos últimos comicios. Cre que está en disposición de quitarlle o goberno ao PP nas vindeiras eleccións galegas?

As tendencias neste momento invertéronse completamente. Hai unha clara tendencia á baixa do PP e unha clara tendencia alcista por parte do Bloque Nacionalista Galego. É o que se percibe. Eu agardo deste país que esta tendencia se consolide, que se ratifique cando sexa o proceso electoral nas eleccións autonómicas porque só así este país poderá exercer a dignidade como pobo.