A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade Ethel Vázquez presentou hoxe no Parlamento o Proxecto de lei para optimizar a xestión do abastecemento da auga.

Na súa presentación da proposta, centrouse en responsabilizar aos concellos polo alto índice de fugas nas redes de abastaecemento, que poden chegar ata o 40%, e lembrou -mapa en man- que Galicia é “a cuarta comunidade autónoma con maiores perdas anuais, máis de 55.500 millóns de litros.” Tamén adiantou que os concellos deberán facer en menos de dous anos, auditorías das redes de abastecemento.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

David Rodríguez, do Grupo Mixto, di que moitos concellos non teñen cartos para facer ese plan, e pediu axudas en lugar de sancións. Ademáis criticou que no texto se fale de “reducir os caudais ecolóxicos aos ríos” e de que non se poña límites ás esixencias das eléctricas: “a auga non é un negocio”.

Luis Bará, do Bloque Nacionalista Galego, tamén criticou as sancións aos concellos que recolle o Proxecto de lei: “Saben o que se lles ven enriba a concellos como Ribeira ou A Estrada? Cando o saiban van botar as mans á cabeza”. Bará foi o máis incisivo ante a proposta da Consellería: cualificou as “solucións paliativas, e non reactivas” do texto e comezou criticando a parálise da Xunta citando a canción Aute: “pasaba por aquí, pasaba por aquí”.

O PSdeG centrouse en criticar a xestón “nefasta” de Augas de Galicia e criticou que esta deixase de empregar moitos fondos na mellora da xestión da auga. Tamén amosaron o seu enfado porque a prensa se enterase do contido da proposta antes que os deputados e deputadas da oposición.

A lei de medidas que garanta o abastecemento en episodios de seca e en situación de risco sanitario xorde dun novo contexto de cambio climático, mais desde a oposición recrimináronlle que se fale de cambio climático despois de ter sido negacionistas do mesmo durante moitos anos e criticaron que no Proxecto de lei se obvie dun xeito serio a cuestión, como sinalaba Marcos Cal, de Comúns da Esquerda.

Tanto Cal, Bará coma David Rodríguez lembraron nas súas intervencións, dun xeito ou outro, que a auga non é un ben co que se deba facer negocio.

 

 

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -