Sorpresa en Compostela trala decisión da Xunta de Galicia de levar ao Concello de Santiago aos Xulgados pola recente aprobación da ordenanza municipal de ruídos. A normativa, aprobada no pasado 2018, posibilitaba con carácter xeral que os locais de ocio puideran ter música ao vivo sen medo a importantes sancións econonómicas.
A Corporación municipal dera o visto bo definitivo á modificación da Ordenanza de Ruídos no mes de novembro cos votos a favor de Compostela Aberta e BNG, a abstención do PSOE e o voto en contra do PP. A flexibilización da ordenanza favorecía as actuacións musicais nos bares sempre que estes cumpriran determinadas condicións establecidas. Trátase dun problema que viña de lonxe na cidade pois os locais de ocio contaban cunha enorme inseguridade xurídica.
Agora, o Concello de Santiago conta cun inesperado fronte xudicial trala decisión da Xunta de Galicia, sen previa comunicación, de levar a ordenanza municipal ante os xulgados. E a sorpresa foi tal que a propia edil de Acción cultural da cidade, Branca Novoyra, recoñeceu descoñecer o recurso presentado pola Xunta pois “en ningún momento” houbo unha interlocución entre a administración autonómica e o seu departamento.
“Unha deslealdade institucional”
Ante as preguntas de Nós Televisión, Branca Novoneyra amosouse alporizada ante a decisión da Xunta de Galicia de xudicializar este proceso e considerou a denuncia da Xunta como un insulto cara a cidade e unha nova “deslealdade institucional”. “Defendemos o dereito á cultura na cidade e a Xunta de Galicia vainos ter en fronte” resaltan agora desde o Concello de Santiago
A Lei de Espectáculos de Galicia, aprobada no Parlamento Galego exclusivamente cos votos do PP, conta cun carácter eminentemente prohibicionista e limita os concerto nos bares. Fronte o apagón musical decretado pola Xunta de Galicia, o Concello de Santiago optou por adaptar a normativa autonómica co obxectivo de ofrecer unha maior seguridade xurídica as actuacións de música ao vivo nos locais da cidade. Os establecementos de hostalería son en Santiago espazos para a divulgación artística e constitúen unha plataforma cultural de grande importancia e, por iso, desde Raxoi sempre impulsaron a celebración destas actividades nos establecementos da cidade.