Home Programas Espazo Aberto “Estamos socavando os dereitos humanos de moitos pobos para ter luz na casa”

“Estamos socavando os dereitos humanos de moitos pobos para ter luz na casa”

0
“Estamos socavando os dereitos humanos de moitos pobos para ter luz na casa”

Conversamos co coordinador de Greenpeace Galicia, Manoel Santos, sobre os prazos da transición enerxética, a idea da Galicia excedentaria de enerxía ou do “decepcionante” cumio polo clima COOP25. Aquí uns apuntes:

A estratexia da Xunta

“Ten que ser realista e facer caso á ciencia (…) A Xunta prevé na estratexia galega a máxima redución a partir de 2030, cando a comunidade científica internacional di que 2030 é a última chamada e é cando podemos ter unha catástrofe climática. E catástrofe non é unha palabra das ecoloxistas, senón da comunidade científica.”

A “falacia” do excedente de enerxía galega

“O 80% da enerxía primaria que consumimos en Galicia vén de combustibles fósiles. Cantos combustibles fósiles ten Galicia? Cero. A maioría do carbón vén de Indonesia (…) e está ligado á corrupción sistemática, ao desprazamento de comunidades das súas terras, á contaminación e criminalización de movementos sociais.”

Os dereitos humanos tras o carbón

“Cada vez que queimamos carbón nas Pontes estamos socavando os dereitos humanos dunha parte da poboación mundial. Non hai que mirar só polos nosos empregos senón mirar que lle estamos a facer a outras comunidades. (…) Estamos socavando os dereitos humanos de moitos pobos do planeta para ter a nosa luz na casa, e non pode ser. Podemos producir a nosa luz doutro xeito.”

Sustentabilidade do sistema

“Imos ter que facer cambios radicais e rápidos no noso sistema de produción e de consumo (…) Cada vez hai máis movementos por un consumo responsable e como sempre, a cidadanía vai moi por diante da política.”

Vídeo: Martín Rodríguez e Diego Frey