A mocidade galega enfróntase no seu día a día a unhas elevadas taxas de desemprego, unha maior temporalidade e peores salarios que o resto de traballadoras, polo que se atopan nunha situación de vulnerabilidade. Moitas das violencias que sofre a xente moza adoitan invisibilizarse. Dende o eido universitario, as investigadoras e as alumnas levan meses denunciando a precarización da Universidade e a falta de interese da Administración por solucionar un problema que atravesa o sistema educativo superior.
Outro dos camiños aos que apunta a mocidade é o da conquista de dereitos. Dende Avante LGBT, denuncian que as “persoas trans de Galicia viven nunha situación de apartheid” e piden unha Lei de Xénero Galega.
Estas reivindicacións foron escoitadas nun acto organizado polo BNG ao que asistía Ana Pontón e o candidato nacionalista ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, que denunciaba o encarecemento dos alugueiros na cidade de Compostela.