Os gobernos español e galego seguen sen cumplir o seus compromisos en matería de defensa dos dereitos lingüísticos. A Mesa pola Normalización Lingüística explicou hoxe en Compostela que entregará ao director do Secretariado da Carta Europea das linguas rexionais ou minoritarias do Consello de Europa un relatorio sobre a situación do galego no que denuncia, mesmo, informes manipulados que se entregaron a Europa para mudar a reprimenda do comité de expertos.
“O Estado manipula os datos”, denuncia Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. E diante dos medios de comunicación puxo algúns exemplos contundentes que quer a Xunta quer o Estado presentaron a Europa para defenderse. Segundo A Mesa neses datos manipulados afírmase que “a maior parte dos pais falan galego cos fillos”, ou que o descenso de galegofalantes “se produce, fundamentalmente, en nacidos antes de 1973” ou que o galego é a lingua máis empregada polo estudantado.
O relatorio
Marcos Maceira explica que o documento que está a incumplir a Xunta e o Estado, a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, é un tratado internacional promovido polo Consello de Europa que ten unha consideración tan importante “como a Constitución española”. Ademais explica o presidente daMesa que “o Estado español ratificouna en 2001 no seu grao máximo”.
O relatorio da Mesa emprega, ademais de estatísticas oficiais, informes da propia Mesa e mais do Consello da Cultura e da RAG, así como informacións recollidas pola prensa que desmenten algunhas graves manipulación do Estado.
A Mesa, por exemplo, explica no seu relatorio e con datos oficiais do IGE, que “en 2014 tiñamos a cifra máis alta de menores de 15 anos que aseguran non seren capaces de falar galego (20%)”.
Outro dos ámbitos que vulneración dos dereitos lingüísticos que denuncia o relatorio é a xustiza. Segundo A Mesa continúa sen haber garantías para o desenvolvemento da xustiza en galego: a xuíces, xuízas e fiscais non se lles require o coñecemento da lingua e a inexistencia de galego nos programas infomáticos sobrecarga e provoca atrasos ao funcionariado e á cidadanía que opta polo galego.
O contido deste relatorio exporase esta fin de semana na Asemblea Xeral da Rede Europea para a igualdade das linguas (ELEN), organismo co status de entidade consultiva do Parlamento Europeo, do Consello de Europa, as Nacións Unidas e a UNESCO.