Continúan os preparativos de cara á “folga das mulleres” do vindeiro 8 de marzo. Esquerda Unida coida que a convocatoria acade unha “asistencia masiva” en todo o país presentando unha batería de iniciativas baixo o título Co feminisimo nos talóns. O obxectivo é concienciar ao colectivo feminino da importancia de respaldar o paro. Eva Solla, coordinadora nacional de EU e deputada de En Marea no Parlamento, lembrou que é “moi necesario” pór sobre o papel estas cuestións. Pola súa banda, a coordinadora da área de Muller, Raquel Bernárdez, manifestou o “total compromiso” de EU coa causa feminista.
Os coloquios
O primeiro dos tres coloquios a prol da igualdade de xénero celebrarase o vindeiro luns 5 de marzo na Coruña, nun acto no que Yolanda Díaz, deputada de En Marea no Congreso, afondará na problemática da fenda salarial. Eva Solla será a encargada de dirixir a segunda ponencia, que terá lugar en Ourense o 13 de marzo co lema “Prostitución, a estratexia do capitalismo”. Asemade, a senadora Vanessa Angustia pechará o círculo cunha charla informativa na que “desmontará” o ideario do “amor romántico.
O caso Baltar
Por outra banda, Solla cualificou de “intento de lavado de cara” a decisión do presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, de apoiar a convocatoria de folga. A deputada de En Marea lembrou que Baltar fora acusado en 2015 por un presunto delito de acoso sexual, archivado o pasado ano. O político ourensán é o único mandatario do Partido Popular que manifestou publicamente o seu respaldo ao paro feminino do 8 de marzo.