Esquerda Unida avoga o 25 de xullo por “facer república” dende o municipalismo

A formación vermella celebrará o Día da Patria cun acto en Mugardos no que se falará sobre a súa proposta de Estado Federal

Achégase o Día da Patria Galega e Esquerda Unida decide sumarse ao calendario de celebracións. A formación vermella realizará en Mugardos un acto que leva por nome “Defender o municipalismo rebelde para construír República”. A este evento, que comezará ás 12.30h na localidade coruñesa, acudirán o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, a alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, o directivo de EU Carlos Portomeñe e a súa coordinadora nacional, Eva Solla.

A República, dende o municipalismo

Esquerda Unida quere aproveitar este acto para reivindicar o seu modelo de organización territorial: a República Federal. Carlos Portomeñe, da directiva do partido, lembra que foi dende o plano municipal como se proclamou a II República no Estado español en 1931. O 12 de abril daquel ano, a vitoria nas eleccións locais das candidaturas republicanas propiciou a fuxida de Afonso XIII dous días despois, cando milleiros de bandeiras ‘tricolor’ tomaron as rúas.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

Golpe fascista do 18 de xullo

A data elixida para presentar este acto, 18 de xullo, non foi casual. Esquerda Unida quixo convocar a rolda de prensa este mércores para lembrar o seu rexeitamento ao golpe fascista de 1936 e a necesidade de aplicar a memoria histórica, tanto en Galicia coma no conxunto do Estado.

Por outra banda, Eva Solla insta tamén á creación dunha comisión que investigue a corrupción da Casa Real. Nas últimas datas, diferentes informacións apuntan a que o antigo xefe do Estado, Juan Carlos de Borbón, tería desviado fondos a Suíza e pedido unha comisión pola construción do AVE á Meca.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -