Esquerda Unida aproveitou o Día Mundial contra a Trata de Persoas para denunciar a impunidade en casos como a Carioca, no que os principais delitos investigados van dirixidos contra as mulleres. Neste sentido, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, instou á Xunta de Galicia e ao Concello de Lugo a comparecer no caso Carioca como acusación popular para non ser “cómplice da impunidade” neste tipo de procesos xudiciais.
Que é o caso Carioca?
Hai dez anos, a xuíza Pilar de Lara ordenou a detención de máis de vinte persoas e pronto se lle foron sumando máis arrestos. A xuíza investigaba unha rede de proxenetismo e corrupción que operaba en Lugo e que ensuxaba a empresarios, membros da Garda Civil, axentes da Policía Local e responsables de Estranxeiría, entre outros. Este foi o comezo da trama da operación Carioca que continúa estancada xudicialmente. Nos últimos anos, fóronse arquivando algunhas das accións xudiciais que compoñen a causa.