
En tan só media hora, as 25 prazas para a ruta ‘Voando nas Rías Baixas’, rutas ornitolóxicas, quedaron esgotadas. A ruta terá lugar este 26 de xaneiro na enseada de San Simón, que é paso migratorio no outono e na primavera de interesantes aves acuáticas e mariñas, ademais de paseriformes dos contornos arbóreos.
Con todo, agárdanse máis rutas. A Deputación de Pontevedra, no marco do Plan estratéxico de turismo 2017-2020, vai desenvolver distintas accións de sensibilización da poboación da provincia sobre os nosos recursos culturais e naturais. Esta actividade, segundo relata a Deputación, ten unha dobre finalidade: “concienciar a poboación sobre a conservación dos recursos naturais e achegarlle á cidadanía pontevedresa unha actividade turística diferente”. Deste xeito, as afeccionadas e afeccionados á ornitoloxía, as persoas amantes da natureza e todas aquelas interesadas poderán participar nestas rutas coordinadas pola asociación SEO/BirdLife.