O Observatorio galego sobre dereitos e liberdades EsCULcA realizou múltiples xestións no pasado mes de xuño e nos primeiros días deste mes para entrevistarse co director do cárcere de Teixeiro, José Ángel Vázquez Yáñez. Incluso, e por esixencia do propio director, enviaron a solicitude por correo postal. “Mais, apesar de tantos esforzos, a solicitude foi ignorada”, indican. O pasado 5 de xullo, o penal informou a EsCULcA que Vázquez Yáñez estará ausente “unha tempada” por ferias.
“Non é esta a primeira vez que o observatorio solicita, con maior ou menor fortuna, manter entrevistas con responsábeis do cárcere de Teixeiro para lles transmitir a súa preocupación pola situación de determinadas persoas presas ou por cuestións referidas ás condicións de habitabilidade do centro”, indican dende o Observatorio. “Mais o novo director da cadea -antes director dos penais de Pereiro e A Lama- parece entender que a súa xestión en modo algún pode ser non digamos controlada senón nin sequer observada ou comentada por organismos da sociedade civil”.
Dende EsCULcA sinalan que, ata o de agora, o único contacto mantido con Vázquez Yáñez foi unha conversa telefónica a causa do castigo imposto o a un preso recluído irregularmente en réxime de confinamento solitario. Tras esa chamada, o afectado foi traslado a outro centro penitenciario.