“Ernesto Chao foi un piar fundamental para a profesión”

Conversamos con Nieves Rodríguez, presidenta da AAAG, acerca do emblemático actor finado o pasado luns

Esta semana comezou do peor xeito posíbel para a escena galega. O luns falecía en Compostela o actor Ernesto Chao, un “piar fundamental” para o desenvolvemento da profesión no país. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia lamenta a perda dun artista “polifacético” que comezou a súa andaina nunha das disciplinas que máis dominaba, o teatro.

Na lembranza da cidadanía galega quedará o memorábel Miro Pereira atendendo á clientela trala barra do Bar Suízo, na mítica serie da TVG ‘Pratos combinados’. Este será seguramente o seu papel máis lembrado, máis non o único. Vaise unha figura lendaria do audiovisual de Galicia, mais o seu legado non ficará no esquecemento.

A AAAG lamenta a polémica necrolóxica de El Correo Gallego: “Non houbo que rescatar de nada a Ernesto Chao”

Con motivo do seu pasamento, El Correo Gallego publicou o martes unha necrolóxica que causou malestar dentro do gremio e das persoas máis achegadas ao artista: “Morre Ernesto Chao, o actor ao que EL CORREO rescatou do esquecemento para convertelo en Miro Pereira”.

A presidenta da AAAG, Nieves Rodríguez, asegura non entender os motivos da polémica mensaxe: “Non houbo que rescatalo de nada”, expón. Rodríguez amósase especialmente crítica coa dirección de ECG, mais lembra ás e os profesionais do xornal que “tampouco entenden este titular”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego