A chegada do Entroido constitúe todo un acontecemento na provincia de Ourense. Pequenas vilas coma Laza, Viana do Bolo ou Manzaneda, esta última cunha poboación inferior ao milleiro de habitantes, convértense en grandes reclamos turísticos debido á peculiaridade da súa celebración desta popular festa, que viven con auténtica paixón e intensidade.
Se algo caracteriza a festividade do Entroido no Concello de Manzaneda é o “fulión”, isto é, unha agrupación de persoas do lugar que, agochadas tralas tradicionais “mázcaras” —carautas propias desta vila—, desfilan por tódalas parroquias convidando a participar a toda aquel que se atopen durante o camiño. “É unha festa única, toda a vila sae ás rúas e recibimos a visita de arredor de 6.000 persoas nestas datas”, asegura o alcalde do concello ourensán, Félix Domínguez.
O “fulión” é unha agrupación de veciños e veciñas que desfila polas parroquias de Manzaneda
As foliadas espontáneas que dirixen os “fulións” comezan no mes de xaneiro, 30 días antes do martes de Entroido, o ‘prato forte’ desta festa que, dende o ano 2008, está recoñecida coa categoría de Festa de Interese Turístico Galego. O rexedor considera que este evento é o principal “motor turístico” da vila ao longo do ano, e conforma o que denomina “triángulo máxico do Entroido”, complementado cos concellos de Viana do Bolo e Vilariño.
O vindeiro martes 13, os “fulións” de tódalas parroquias xuntaranse no centro da vila para realizar un desfile que non deixará indiferente a ninguén. “Participarán oito “fulións” que normalmente son moi populares e gustan á xente que vén de fóra”, indica Domínguez, quen convida á cidadanía galega a “vivir dende dentro” esta festividade única.