Home Programas Espazo Aberto Ence fóra, pero cando?

Ence fóra, pero cando?

0
Ence fóra, pero cando?

Goberno novo, promesas novas. O acordo entre o Bloque Nacionalista Galego e o PSOE en Madrid, que culminaría coa investidura de Pedro Sánchez, recollía entre outros puntos o compromiso do executivo central de favorecer o traslado de Ence fóra da ría de Pontevedra. É esta unha opción viable?

Para Antón Masa, da Asociación pola Defensa da Ría, o acordo debería referirse á anulación da prórroga da pasteira na ría de Lourizán. “Falar de traslado hoxe non vai ter ningunha concreción”, xa que a empresa negou esa opción “por activa e por pasiva” e en todo caso marcharía fóra do estado español.

Que podería suceder agora?

A nivel legal, e tras as alegacións á prorroga irregular do goberno en funcións de Mariano Rajoy, hai varias opcións. Unha probabilidade é que Ence remate a actividade en 2033, cando se cumprirían 75 anos desde o inicio da concesión (máximo para os terreos de dominio público), como ditaminou a Avogacía do Estado e recoñeceu o Ministerio de Transición Ecolóxica do anterior goberno de Pedro Sánchez. Esta sería a data na que, como moi tarde, Ence tería que deixar a ría.

Outra, e menos probable, sería que a Audiencia Nacional ignorase as alegacións da APDR, Concello de Pontevedra, Greenpeace e tamén o informe da Avogacía do Estado. Manteríase a prórroga do goberno de Rajoy e Ence seguiría na ría ata máis alá de 2070, saltándose a limitación dos 75 anos desde a primeira concesión, de 1958.

A terceira opción, defendida pola APDR, é que á marxe da xudilización da causa, o goberno anule a prórroga baseándose no informe da Avogacía do Estado e tamén nos incumprimentos de Ence no pliegue de condicións. Neste caso, a empresa tería que cesar a súa actividade na ría.