Home Espazo Aberto Medio ambiente EN VÍDEO | Que podería suceder en Casalonga despois do 5 de abril?

EN VÍDEO | Que podería suceder en Casalonga despois do 5 de abril?

0
EN VÍDEO | Que podería suceder en Casalonga despois do 5 de abril?

A expectación ante os posibles resultados das eleccións galegas do 5 de abril vívese diferente en Casalonga. Neste lugar do concello coruñés de Teo, medio milleiro de veciñas e veciños agardan a que a Xunta defina a súa posición con respecto ao proxecto de restauración da canteira presentado pola empresa Toysal. Ese silencio desacouga á veciñanza, organizada na Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, que decidiu convocar unha mobilización para o 15 de marzo. Temen que o goberno de Alberto Núñez Feijóo queira deixar pasar os comicios para despois darlle luz verde á empresa Toysal que está pendente dos permisos pertinentes para sacar adiante o proxecto de restauración da canteira de Casalonga ou o que para a veciñanza é o mesmo: un vertedoiro encuberto.

“Estamos nunha situación complexa”, recoñecen dende a Plataforma. Nos últimos meses, iniciouse o baleirado da lagoa da canteira e realizáronse varias voaduras no lugar.  A Plataforma veciñal apunta á unha empresa local, subcontratada por Toysal, como a que está procedendo a realizar estes traballos. Para isto, cómpre que a empresa obteña o visto de da dirección xeral de Enerxía e Minas concedéndolle o plan de labores e, ao mesmo tempo, Augas de Galicia debe outorgarlle o permiso de vertidos de augas.

Tanto a Plataforma como o propio Concello de Teo solicitaron no seu momento á dirección xeral de Enerxía e Minas a paralización cautelar da actividade da empresa Toysal na canteira até que non se resolva o expediente de caducidade, pero non obtiveron resposta algunha.

As organizacións ecoloxistas apuntan como responsable desta situación á creación do Real Decreto 975/2009 e ao RD 108/2008 xa que, en base á súa ambigüidade, outorga o amparo de vertedoiros “vestidos de fraudulentas operacións de restauración ambiental de canteiras”.

A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos teme que se o proxecto de Toysal sae adiante, se poidan producir traxedias como a vivida en Euskadi onde o macrovertedoiro de Zaldibar sufriu un derrubamento cos seus consecuentes riscos para a saúde.