O mes de novembro xa está sinalado no mapa galego como o da reivindicación contra a violencia machista. Por terceiro ano consecutivo, o luns celebrouse no Concello de Compostela a sinatura do protocolo de colaboración para a campaña “En negro contra as violencias”. No acto participaron 69 concelleiras, concelleiros, alcaldesas e alcaldes representantes dos 102 concellos colaboradores do movemento, un número que non deixa de medrar cada ano.
A iniciativa, que comezou en 2015, xa conta co apoio de 102 concellos e tres das catro deputacións galegas, a deputación da Coruña, de Pontevedra e de Vigo. Esta cifra, que sumou 27 concellos desde o ano pasado (16 só na provincia de Lugo), amosa o grande ámbito que a campaña está a abarcar. En escasos dous anos, o 25N en Galicia, o dia internacional pola Eliminación das Violencias cara a Muller, xa é identificado con frases como “vestirse de negro” e “sempre libre e viva”, pero sobre todo coa ansia de conseguir “espazos libres de violencias machistas” en todas partes.
A concelleira de igualdade e unha das impulsoras da campaña, Marta Lois, foi a encargada de dar comezo, recalcando a impotancia das administracións para combater as violencias machistas e da “vontande colectiva” para poder levalo a cabo, chamando a máis comercios a participar.
De todas formas, como deixou claro a deputada da Coruña Ánxela Franco, isto só é un “parche” a un problema ao que se referiu como Holocausto, e non unha solución. Asemade, o resto de Deputacións e Concellos participantes coincidiron na necesidade de máis recursos económicos e educativos para poder continuar coa loita.
Se algo quedou claro durante o acto, é que as mulleres somos vítimas de terrorismo machista, ao que aludiu a alcaldesa de Lugo Lara Méndez, dun xeito diario que é preciso contrarrestar tanto desde as administración como polo ámbito civil. Se só cada día en Galicia 16 mulleres denuncian algún tipo de violencia só por ser mulleres, estamos ante unha epidemia, e ante as epidemias hai que tomar solución. Ou logo, como dixo Martiño Noriega ao finalizar o acto, que pasaría se en vez de mulleres, os agredidos e asasinados fosen cargos públicos?.
A campaña vai máis alá do institucional
Sen a Xunta
Se ben é certo que dentro do conxunto de Institucións presentes hoxe no Pazo de Raxoi existen diversas cores políticas e, entre eles, representantes do Partido Popular, a campaña “En negro contra as violencicas” continúa, un ano máis, sen o apoio da Xunta de Galicia. A administración autonímica negou o apoio a esta masiva campaña e presentou, ao mesmo tempo, a súa propia.