En Marea levará ao Parlamento, no vindeiro período de sesións, un proxecto de lei para configurar un “verdadeiro sistema de rendas mínimas” en Galicia. A deputada Paula Vázquez Verao salientou hoxe que a actual axuda da Xunta, a Risga, custa cada ano menos de 63 millóns de euros, é dicir, preto do 0’1% do PIB.
Moi lonxe da media europea
“Os modelos de rendas mínimas realmente bos copan o 2% do PIB”, expuxo. Con todo, a proposta de En Marea sería o incremento progresivo desta contía, supondo nunha primeira fase o 0’4% do PIB, é dicir, a cifra estándar da Unión Europea.
Para Vázquez Verao, esta iniciativa debe saír adiante o antes posíbel, xa que Galicia atravesa unha “situación dramática” na que “se consolida a exclusión social”. De feito, de aprobarse a lei, elaboraríase un “mapa social galego” para obter datos máis certeros a respecto desta cuestión. O obxectivo principal da proposta é que as rendas mínimas da Xunta fosen compatíbeis co emprego, xa que “ter emprego non garante a inclusión social”.