En Marea critica que o PP “marque a axenda” coa polémica de Paula Quinteiro

Villares asegura que "xa quedou todo dito", ao tempo que Podemos considera que consultar á militancia a continuidade da deputada suporía sometela a un "tribunal da Inquisición"

- Publicidade -

Case un mes despois, En Marea segue sen amosar unha posición clara acerca do conflito xerado polo incidente entre a deputada Paula Quinteiro e a Policía Local de Santiago. Malia pedir o pasado luns, sen éxito, a súa dimisión, Luís Villares mantén agora que “xa quedou todo dito” e “non hai novidades” neste asunto.

Ao ser preguntado acerca das posíbeis similitudes entre esta cuestión e a polémica xurdida polo máster de Cristina Cifuentes, Villares sostivo que as situacións “non son comparábeis”. Así e todo, o deputado Xosé Manuel Lago di estar de acordo co líder do grupo parlamentario, asegurando que “onde manda voceiro, non manda mariñeiro”.

Este asunto está a ser instrumentalizado polo partido máis corrupto de Europa

O deputado Antón Sánchez criticara o pasado venres que este asunto está a ser “instrumentalizado” polo PP: “O partido máis corrupto de Europa non debe marcar a axenda de En Marea”, expresou. Así e todo, remitiuse ás verbas de Villares e delegou o poder nas bases do partido instrumental, asegurando que xa están en marcha os “procedementos” precisos para solucionar o conflito.

Podemos non quere someter a Quinteiro a un “tribunal da Inquisición”

Pola súa banda, a secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, declarou este luns que agarda que finalmente a militancia de En Marea non sexa quen de debater a continuidade de Quinteiro no grupo, ao considerar que iso suporía un “tribunal da Inquisición” para a deputada.