Home Programas Espazo Aberto En Marea artella a súa estratexia de cara ás municipais de 2019

En Marea artella a súa estratexia de cara ás municipais de 2019

0
En Marea artella a súa estratexia de cara ás municipais de 2019

Coas eleccións municipais a un ano vista, a dirección de En Marea da por feito que as candidaturas das “mareas municipais” artellaranse de xeito independente, e de cada unha delas dependerá reeditar as súas respectivas marcas do ano 2015. Emporiso, a coalición de esquerdas convoca, o vindeiro sábado 17 en Compostela, un plenario no que consultará ás súas bases cal debe ser a súa posición ao respecto destas confluencias de unidade popular.

Este encontro chega nun intre no que unha certa indecisión sobrevoa a contorna do partido instrumental. Podemos Galicia xa garantiu que non acudirá ao encontro asembleario, ao igual que os alcaldes de Compostela, Ferrol e A Coruña. O rexedor da capital galega, Martiño Noriega, prefire restar importancia ao asunto e confía en reeditar a coalición de “base cidadá”.

Asemade, a formación morada vén de anunciar que consultará ás súas bases se nas papeletas de cada cidade debera aparecer a “marca Podemos” —coa excepción de candidaturas “xa consolidadas” coma Compostela Aberta—. Con todo, Gonzalo Rodríguez, coordinador de En Marea, confía en “atopar puntos en común” para seguir a medrar “conxuntamente” en 2019.

A sesión plenaria, que se celebrará na Facultade de Ciencias Económicas dende as 10.00 até as 19.00 horas, será interrompida ás 12.00 para que a dirección de En Marea acuda á manifestación en defensa da suba das pensións conforme ao IPC anual. A concentración comezará a mediodía na praza de Cervantes.