Home Programas Espazo Aberto ‘Embegonhadas’: arte inspirada na sororidade que sementou Begoña Caamaño

‘Embegonhadas’: arte inspirada na sororidade que sementou Begoña Caamaño

0
‘Embegonhadas’: arte inspirada na sororidade que sementou Begoña Caamaño

Implicadas no Desenvolvemento e 7H Cooperativa Cultural, apoiadas pola área da Deputación Provincial da Coruña e en colaboración co Pazo de Raxoi, organizan unha mullerenaxe en honra da feminista e escritora Begoña Caamaño. 

Falamos con Clara Rodríguez, de 7H Cooperativa Cultural: “O luns cumpriría 55 anos. As súas novelas son moi importantes polas relacións que establece entre mulleres que deberían ser rivais pero rematan sendo amigas.”

As actividades comezarán o domingo 13 ás 12h no Centro Cívico do Romaño, en previsión de choiva. Participarán as poetas Ana Romaní, Andrea Nunes, Belén Senín, Lara Rozados, Margado Val, María Rosendo, Míriam Ferradáns, Susana Aríns e Xiana Arias, que recitarán versos baseándose en novelas de Begoña Caamaño.

A partir de aí, as artistas Axóuxeres e Chisqueiros, Cata Ukelele Guaiaba, Eva Agra, Iria Prol Studio, María Lapido, Miss Hope, Rebeca Mariño, Vanessa Morais e Xoana Almar representarán a poesía pintando nunhas casiñas de paxaro, inspirándose en ‘Circe ou o pracer azul’: “É unha novela epistolar entre Penélope e Circe, a meiga que se supón que entretivo a Ulises no seu regreso a Ítaca. Quen leva as cartas dunha a outra é un paxaro que viaxa polo mar”, explica Clara Rodríguez. O pasado ano 7H gañou, canda Implicadas para o Desenvolvemento, o Premio Begoña Caamaño á Acción Cultural pola Igualdade, polo que mesturaron a ilustración e a poesía para esta mullerenaxe.

Unha vez pintadas, as casiñas colgaranse en árbores e as persoas poderán meter nelas as súas cartas a Begoña Caamaño. Trala xornada do domingo -que se pechará cun concerto de Su Garrido Pombo- adiántannos que para manter no tempo o recordo a Begoña tamén se fará un fanzine e mesmo hai un proxecto de exposición.

Clara Rodríguez, de 7H Cooperativa Cultural, tamén sinala que todas as participantes nas xornadas forman canda Begoña Caamaño “unha trama de amizades e sororidade moi grande” e lembra que “todas a lembramos con grande agarimo.”