Home Programas Espazo Aberto Elitismo, galegofobia e xornadas de ata 12 horas encabezan as denuncias do alumnado de Medicina en folga

Elitismo, galegofobia e xornadas de ata 12 horas encabezan as denuncias do alumnado de Medicina en folga

0
Elitismo, galegofobia e xornadas de ata 12 horas encabezan as denuncias do alumnado de Medicina en folga

O profesorado da facultade da Medicina da USC mantén actitudes irrespetuosas tanto cara ao alumnado como cara aos colectivos máis vulnerabilizados polo sistema como o colectivo LGTBQI+, as mulleres ou persoas racializadas. Esta é unha das denuncias do alumnado de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela que iniciou este martes unha folga indefinida para colocar o punto e final ás vexacións dos docentes contra o alumnado e á organización  “deficiente” dos contidos académicos.

A folga iniciábase ás nove da mañá coas primeiras alumnas e alumnos que chegaban á facultade. Xa ás 11.30 horas varias ducias de alumnas e alumnos sentaban nas escaleiras do edificio en sinal de protesta e explicaban ante ás cámaras de Nós Televisión a preparación da xornada. Iniciárona un grupo de alumnas e alumnos de terceiro de carreira que elaboraron un documento de máis de dez follas do que agardan que se cumpra todo. Do contrario, a folga continuará.

A Asemblea Aberta de Medicina divulgou nas súas redes sociais materiais informativos sobre as reivindicacións que fundamentan esta folga. O alumnado denuncia xornadas maratonianas de ata 12 horas, a ausencia da posibilidade de realizar exames en galego, a esixencia de obter unha puntuación de 7 no exame para chegar ao aprobado e que logo no expediente se traduza nun 5 coa respectiva baixada da nota media ademais do elitismo do profesorado.

Ao longo da xornada, o alumnado trazou diversas reunións coa dirección da facultade, incluído o decano, e da Universidade para tratar de chegar a acordos. Do contrario, esta noite pecharanse na facultade e prepararanse para vivir mañá unha nova xornada de folga.