Home Programas Área Compostela Educando en galego dende o berce

Educando en galego dende o berce

0
Educando en galego dende o berce

Lalín acolle, ao longo do Nadal, unha serie de iniciativas a prol da normalización da nosa lingua. Neste Concello, situado na comarca do Deza, desenvólvense diversas actividades que teñen como obxectivo achegar o galego, en toda a súa expresión, ao pobo lalinense. A concelleira de Cultura, Lara Rodríguez, explicou que a situación da lingua neste Concello, aínda que puidera ser mellor, é positiva se a comparamos con outros lugares, como por exemplo os ubicados na costa. Ademais, amosou a súa positividade en relación coa acollida deste programa, así como da contribución que este poida ter para o galego.

Visitamos Lalín e adentrámonos no programa deste nadal

Estamos a falar de actividades relacionadas coa escrita creativa, as narracións orais ou os contos. O técnico do Concello, Damián Paío, conversou coas cámaras de Nós Televisión sobre o obxectivo destas iniciativas: ensinar a lingua, sobre todo, aos máis pequenos.

vlcsnap-2016-12-19-18h50m44s675Tamén o pasado  11 de decembro estivo presente, na Biblioteca do Concello, o poeta e contacontos Celso Fernández Sanmartín, con quen puidemos conversar sobre a influencia da súa terra, Lalín, no emprego do galego como lingua vehicular.

O programa de Nadal de Lalín pretende achegar o idioma ao pobo, mais sobre todo concienciar educando. En definitiva, ensinando ás nenas e nenos que se poden divertir co galego e que, do mesmo xeito, poden aprender de actividades culturais nas que se emprega a lingua nun contexto normalizado. Só deste xeito daranse conta, eles e os máis maiores, de que é necesario afacer o oído a nosa lingua e entender que, empregala en tódolos ámbitos, é o único camiño para garantir o seu presente e sobre todo, o seu futuro.