Os eventos e festas que se celebren a partir de agora en Santiago reducirán os impactos ambientais grazas á ‘Guía de Eventos Sustentables’ que ven de editar o Concello. A primeira medida desta iniciativa son os ecovasos, que serán distribuidos en todas as festas. Os asistentes poderán quedarse con eles para volver a usalos en vindeiros eventos, e no caso de que quedaran tirados no chan, o propio Concello engargarase de recollelos e limpalos para reutilizar.
Co obxectivo de “introducir a sostibilidade como criterio de organización dos eventos que dependan do Concello”, o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, explica que a ‘Guía de Eventos Sustentables’ expón as fases do desenvolvemento dun evento, dende a súa planificación ata a súa posterior avaliación, “de xeito que en cada unha destas etapas se tomarán decisións baseadas na responsabilidade ambiental”, di o concelleiro.
A festa na que se porá en marcha esta iniciativa será o Banquete de Conxo, que se celebra esta fin de semana e que estreará estes ecovasos.