Ecoloxistas en Acción informou da presentación dun escrito de denuncia ante a Valedora do Pobo pola situación de abandono na que se encontran as presas de residuos mineiros das minas de San Finx, en Lousame (A Coruña). O grupo ecoloxista pídelle á Valedora que realice os trámites oportunos para coñecer as causas deste abandono, ben sexa demandando información á Dirección Xeral de Enerxía e Minas ou á dirección de Augas de Galicia.
“A pesar de que Augas de Galicia, logo da negativa da empresa Tungsten San Finx (filial de Valoriza Minería) a asumir a restauración da zona, concluiu que se trata de presas de residuos mineiros e que a competencia corresponde á Dirección Xeral de Enerxía e Minas, este departamento continúa procurando excusas, cada vez máis incríbeis”, apelan dende Ecoloxistas en Acción.
Nos últimos días trascendeu un informe no que a Xefatura Territorial da Coruña enviou a Augas de Galicia, no que se insinúa que a presa responsábel polo coñecido desastre ambiental de 1960 (que protagonizou o documental ‘San Finx 1960’) sería en realidade parte dun muíño para moer millo. Desde Ecoloxistas en Acción consideran “inacreditábel” a actitude da Xunta e apelan á responsabilidade ante “o risco real” dun novo desastre mineiro que empeorase a contaminación por metáis pesados que xa está afectando á ría de Muros-Noia.