Ecocidio, feminicidio, narcosubmarino, negociación, quecemento global e sentidiño son os seis termos finalistas que aspiran a se converter na Palabra do Ano 2019. O público poderá participar na votación que se manterá aberta ata as 23:59 horas do 25 de decembro a través do Portal das Palabras, a web de divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié.
Sensibilidade social e política
O termo feminicidio non está recollido no Dicionario, pero axústase ás normas de formación de palabras do galego e cobra forza na fala cotiá para visibilizar o asasinato de mulleres polo simple feito de se-lo. Non é a primeira vez que un termo relacionado coa crecente sensibilidade social ante a desigualdade de xénero chega a ser finalista da Palabra do Ano: en 2018 fórono feminismo e apoderamento e en 2017, violencia de xénero.
A alerta entre a cidadanía tamén medra ante o desafío do quecemento global, o aumento da temperatura media da Terra causado pola acumulación de gases contaminantes na atmosfera derivada da acción humana dende a Revolución Industrial. A intervención lesiva do ser humano en todo tipo de ecosistemas está a xerar outros neoloxismos como ecocidio, un concepto que se refire á destrución masiva, dano ou perda dun ecosistema de certo territorio.
O 2019 foi ademais o ano en que comezamos a empregar a palabra narcosubmarino. Esta é outra creación neolóxica, de orixe americana, que irrompeu na nosa contorna tras ser interceptado o pasado mes de novembro na costa galega, por primeira vez en Europa, un navío deste tipo dedicado ao tráfico de drogas.