O Día das Letras Galegas que a Real Academia Galega lle dedica neste 2020 a Ricardo Carvalho Calero celebrarase ao longo de todo o ano. “A Real Academia Galega recoñece este ano unha das grandes figuras do galeguismo e da cultura galega do século XX”, salientou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, na presentación da programación que tivo lugar este luns en Compostela.
Freixanes recoñeceu a postura reintegracionista de Carvalho Calero e destacou que este é “un debate que ten que ver coa universalidade do galego que defendía a Xeración Nós e que non se reduce a unha cuestión lingüística, moito menos ortográfica, senón que debemos relacionala coa capacidade creativa da sociedade galega en todos os ámbitos: a industria, a ciencia, a tecnoloxía, a arte, o pensamento etc”. Xunto Freixanes, atopábanse outros persoeiros como o presidente da Associaçom Galega da Língua, Eduardo Sanches Maragoto, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, a secretaria do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra ou as fillas do homenaxeado, Margarita Carballo Ramos e María Victoria Carballo-Calero.
Programación
A Real Academia Galega abriu o pasado mes de xaneiro na súa web o espazo biográfico dedicado a Ricardo Carvalho Calero, asinado polo académico e secretario da institución Henrique Monteagudo. Tamén na Rede, a semana pasada botou a andar a nova edición do proxecto Primavera das Letras, co que a RAG fornece os nenos e nenas de recursos lúdicos e didácticos para achegarse á figura e á obra do autor homenaxeado.
A Academia volverá á cidade natal do autor o vindeiro 17 de maio para celebrar o seu pleno extraordinario do Día das Letras Galegas, unha sesión aberta a todo o público que terá lugar no teatro Jofre.
A celebración do Ano Carvalho Calero continuará á volta do verán cun simposio que afondará dende a perspectiva académica en distintos aspectos da súa obra e do tempo histórico que o intelectual viviu.
Unha síntese da obra de Carvalho Calero
A traxectoria vital de Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990) está fondamente vencellada á historia do galeguismo no pasado século XX: foi na mocidade membro do Seminario de Estudos Galegos e colaborador da revista Nós, participou na redacción do Estatuto de Autonomía de 1936 e, xa no exilio interior, implicouse activamente nas estratexias de recuperación do idioma propio.
Na súa extensa produción destacan os seus estudos sobre a literatura, que con frecuencia atravesan as fronteiras entre os xéneros didáctico e ensaístico. Entre as súas contribucións á historiografía literaria sobresae o ambicioso esforzo de sistematización das nosas letras plasmado na Historia da literatura galega contemporánea (1963), obra fundacional dos estudos literarios galegos. Carvalho Calero é ademais autor da Gramática elemental del gallego común (Galaxia, 1966), manual de referencia para as primeiras xeracións de estudantes de lingua galega e que atinxiu unha gran difusión, ata chegar ás sete edicións.
Na segunda metade da década dos 70, Carvalho Calero muda a súa concepción das relacións entre o galego e o portugués. Dende ese momento, pasa a defender unha ortografía próxima á portuguesa e o portugués como referencia fundamental do galego estándar, e converteuse no principal inspirador do reintegracionismo. A partir desas datas comeza a asinar como Carvalho en lugar de Carballo.