“21 días co galego e +” é un programa de dinamización lingüística na adolescencia que se está a levar a cabo en catro institutos. O que propón é algo moi sinxelo: falar galego durante 21 días dentro e fóra das aulas, 24 horas ao día, coa finalidade de crear “hábito”, como nos explica Raquel Fernández Carril, a coordinadora do programa no IES Pontepedriña en Santiago.
Por agora, van no día 11. E aínda que só vaian pola metade, os alumnos e alumnas que participan xa teñen unha forte opinión ao respecto, que se podería resumir en que “funciona” e “non é tan difícil”.
O proxecto
Naceu fai máis de cinco anos, no IES da Pobra do Caramiñal, da man da docente Pilar Ponte. Foi tal o éxito que gañaron un premio de innovación educativa, e hoxe o programa é promovido pola Consellería de de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Políticas Lingüísticas, que este ano decidiu dar un paso máis e exportalo a outros centros educativos. Por agora son catro, un en representación de cada provincia. En total, 95 docentes e 1.316 alumnas e alumnos da ESO, Bacharelato e FP.