Dúbidas no PSOE e no BNG sobre a proposta do PP para crear unha comisión de investigación sobre os contratos menores de CA

Os dous grupos da oposición din agardar pola proposta definitiva do PP para impulsar unha Comisión de Investigación no concello de Santiago sobre o suposto trato de favor ao entorno de CA

O Grupo Municipal Popular transmitía o pasado martes a súa intención de solicitar un Pleno extraordinario para crear unha comisión de invertigación e así “determinar o alcance da ‘marea negra’ de contratos” da que acusan a Compostela Aberta, como explican no comunicado.

- Publicidade -

Para prosperar esta proposta, o PP precisaría do apoio, directo ou indirecto, do resto de partidos da oposición coñecida xa a negativa de Compostela Aberta de “entrar no espectáculo” do partido dirixido por Agustín Hernández. A posición final do PSOE e do Bloque non é definitiva e non semella sinxelo que o PP poida convencer a estas formación. Con elas quixemos conversar hoxe.

Ante as preguntas de Nós Televisión, a voceira e candidata do Bloque Nacionalista Galego, Goretti Sanmartín, comentou que agardarán a coñecer a proposta máis polo miúdo, pero que se “houbese algo que consideremos ilegal ou alarmante” entenden que “o que ten que facer o PP é ir á Fiscalía“. Tamén quixo lembrar que non ten moita lóxica tratar estes temas ” a tres meses dunhas eleccións e con outro procedemento electoral en marcha”.

Contrariamente, o Concelleiro socialista Gonzalo Muíños Sánchez, amosou a vontade do partido de “non querer xudicializar nada”. Tamén fixo referencia á transparencia que reivindica CA, e que xa que logo, “non deberían ter ningún problema en que se faga esta comisión de investigación”. Tamén quixo lembrar que o propio Partido Socialista presentou en setembro de 2017 una moción ao pleno falando dos contratos menores que foi “rexeitada por todos os grupos”, concluíu.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego