Dos Peares a Madrid: Feijóo volve soar con forza para suceder a Rajoy

O PPdeG ve "capacitado" ao actual presidente da Xunta, namentres os partidos da oposición lamentan o "alto prezo" que paga Galicia para que Feijóo chegue á Moncloa

Dende que tomou o mando na Xunta de Galicia, o nome de Alberto Núñez Feijóo nunca deixou de soar como posíbel candidato do PP á Moncloa. Logo da polémica xurdida por mor do máster de Cristina Cifuentes, quen tamén foi sempre considerada como unha firme aspirante ao posto, a hipótese de Feijóo cobra forza.

- Publicidade -

BNG, PSdeG e En Marea critican que Feijóo “somete” a Galicia para “chegar á Moncloa”

Os partidos da oposición non dubidan en criticar a xestión dun presidente “submiso” ante o Goberno central, tal e como indica Ana Pontón, voceira do BNG. Na mesma liña apunta o líder de En Marea, Luís Villares, quen lamenta o “alto prezo” que ten que pagar Galicia para que Feijóo chegue a ser candidato da Moncloa. Asemade, Xoaquín Fernández Leiceaga, líder do grupo socialista no Parlamento, cre que o PP está a promocionar a candidatura de Feijóo porque é un partido “noqueado” polo escándalo que afecta á presidenta da Comunidad de Madrid.

O PPdeG considera que Feijóo ten “cualidades e opcións”

Estas críticas da oposición chegan logo dunhas declaracións este domingo do voceiro popular, Pedro Puy, nas que aseguraba que Feijóo tiña “cualidades e opcións” para chegar á Moncloa, unha posición que mantivo este luns após as verbas vertidas dende os tres partidos da oposición.

Sexa como for, cada vez son máis as voces que sitúan a Núñez Feijóo abandonando Os Peares polas súas “amizades” de Madrid.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego