Home Programas Área Compostela Diversidade nunha nova edición das Xornadas de Música Contemporánea

Diversidade nunha nova edición das Xornadas de Música Contemporánea

0
Diversidade nunha nova edición das Xornadas de Música Contemporánea

Compostela acollerá do 7 de outubro ao 25 de novembro unha nova edición das Xornadas de Música Contemporánea. O evento terá como escenarios varios espazos da cidade de Santiago como o Auditorio de Galicia, o Paraninfo e a Igrexa da Universidade, o CGAC ou o Teatro Principal. Este ano co nome de Música (e outras artes), reunirá a artistas e formacións referenciais da música de culto e de vangarda.

A programación presentouse no Pazo de Raxoi e nela participaron a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; o director do Centro Nacional de Difusión Musical do INAEM, Antonio Moral; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; a vicerreitora de Cultura da USC, María Dolores Álvarez; o director do CGAC, Santiago Olmo; e a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández. Branca Novoneyra explicou que o obxectivo das xornadas era difundir as últimas tendencias musicais relacionándoas con outras artes.

O programa

A programación desta edición inclúe 18 concertos cunha morea de estreas absolutas. Polas xornadas pasarán formacións como o Grupo Cosmos 21, o Grupo Instrumental Século XX, o cuarteto de saxofóns Sigma Project, a mezzosoprano andaluza Madalena Llamas, a Banda Municipal de Música de Santiago, a Real Filharmonía de Galicia, o violinista Matthieu Arama e o malabarista Pablo Reboleiro, o conxunto compostelán Vox Stella e o Taller Atlántico Contemporáneo e a Orquestra de Cámara Galega que homenaxeará ao compositor Rogelio Groba. A excepción dos dous concertos da Real Filharmonía, todas as actuacións son de acceso libre e gratuíto ata completar aforo.