Dende o pasado mes de setembro, as reportaxes, entrevistas e programas de Nós Televisión pódense atopar na canle de Youtube. A continuación, ofrecémosvos unha selección de 10 reportaxes das que podedes gozar.
1 – Dequenvessendo, o novo folk galego
A raíz da publicación do seu último disco, ‘Canto das xacias’, quedamos co grupo Dequenvessendo na carballeira de Conxo. Falamos do seu novo disco, das lendas galegas, do imaxinario popular, do novo folk galego… e escoitámolas en directo!
2 – Couceiro, a resistencia das librarías en galego ante a covid-19
A incerteza e os obstáculos sempre abafaron ás librarías, sobre todo as que apostan polas letras galegas. A chegada da covid-19, e as súas consecuencias, agravou a situación do libro en galego. Entramos na libraría Couceiro que, dende os seus inicios, fixo fronte a infinitos obstáculos para recoller coñecementos e consellos á hora de artellar a resistencia das nosas librarías ante a covid.
3 – A perda da toponimia tradicional na Coruña
Praza da Fariña, Campo da Leña, As Cernadas, A Ramalleira, O Regueiro… A investigación de Iván Méndez publicada pola Real Academia Galega sinala un “declive” da toponimia da Coruña pola expansión da cidade e o desexo de honrar persoeiros ilustres, que levaron consigo a perda dunha toponimia vizosa e da memoria deses lugares.
4 – Flow no camarín – Rachando estigmas no rap, o trap e a regueifa
O rap, o trap, a regueifa ou o reguetón son expresións nacidas do pobo; e como case todo o que xorde de abaixo cara a arriba, e non ao revés, foron xéneros estigmatizados.
5 – Saúde e terra! – Un camiño por ‘Galicia, de Nós a nós’
A loita polo noso idioma e a nosa cultura vive en Nós. Cen anos despois do primeiro número da revista Nós, as palabras de toda unha xeración seguen a construír pontes na historia. Que sabemos do seu traballo? Das súas ideas? Das amizades que mantiveron e dos países que percorreron? Nin sequera a chegada dunha pandemia pode evitar que todo un pobo lembre.
6 – O Rexurdimento de Avelina Valladares
A néboa envolve a Casa Grande de Vilancosta na parroquia estradense de Berres. O fogar da familia Valladares garda as pegadas da enigmática figura de Avelina Valladares, unha creadora fundamental do Rexurdimento galego da que aínda pouco sabemos. Quen foi Avelina Valladares? Por que non existe ningunha foto dela? Como rachou coas normas sociais establecidas? Cal era o seu compromiso coa lingua e o pobo galego?
7 – O que somos, nun casete – Sobre o arquivo e recuperación da nosa identidade
As gravacións nas casas das persoas, as conversas, as cancións, os refráns… Nesta reportaxe falamos da importancia de coñecer e conservar o patrimonio oral da nosa identidade.
Foi o que fixeron Dorothé Schubart e Antón Santamarina co Cancioneiro Popular Galego, cuxos casetes e libretas de campo están accesibles no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, no Museo do Pobo Galego. Do material alí arquivado teñen xurdido investigacións e novas creacións culturais, coma o documental ‘Dorothé na Vila’, de Olaia Tubío e Alejandro Gándara.
Falamos do traballo do APOI coa súa coordinadora, Concha Losada; coas realizadoras de ‘Dorothé na vila’ e con Mero, un dos informantes desde os anos 70.
8 – O país dos nomes infinitos
O Souto da Vila, Folarón, Bouzaricas, Ventevexo, O Pilón… Galiza conta cunha riqueza toponímica única. Non hai cifras sobre cantos nomes de fontes, leiras ou rochas pode haber. Estímase que ao redor de dous millóns, Filgueira Valverde dicía que máis de tres. O certo é que con cada persoa que morre, van con ela historias e lugares que cómpre recuperar.
Falamos da conservación da microtoponimia galega con Vicente Feijóo, coordinador do Galicia Nomeada e membro do Seminario de Onomástica da RAG, con Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística e con Xoán García Porral, coautor de ‘A paisaxe lendaria e toponímica do concello de Silleda’ canda o IES Pintor Colmeiro e o Museo do Pobo Galego.
9 – Petróglifos de Galicia: arte, pobo e terra
A arte rupestre galega é unha das máis ricas e singulares de toda Europa. Ata o de agora, catalogáronse arredor de 3.000 petróglifos mais calcúlase que poderían chegar a ser 8.000. Este patrimonio, moi vinculado coa nosa identidade como pobo, habita nos nosos montes. Os lumes forestais, e as carencia da ordenación do territorio, convértense nun dos principais obstáculos á hora de conservar e coidar a nosa arte prehistórica.
10 – Galego de todes? Reflexións sobre linguaxe inclusiva e non binaria
Os movementos sociais veñen xerando novos debates e esixindo que as súas reivindicacións sexan escoitadas. Isto abrangue tamén a linguaxe, construída nun sistema patriarcal que tende a ficar atrás do sentir das rúas.
Abrimos o debate da linguaxe inclusiva e non binaria no contexto galego. Precisamos normas propias, as que indiquen a RAE ou no Brasil, ou non precisamos normas? Pode a linguaxe mudar as normas sociais hexemónicas, mudar o mundo? Afondamos nestas e outras cuestións con:
– Gael Martins, do Colectivo Transfeminista Ninguém Sem Coidados.
– Susana Rodríguez Barcia, profesora contratada doutora en Lingua Española na UVigo.
– Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG.
– Daniel Amarelo, activista, investigador e editor na Através Editora.