A senda peonil do Sar que vai do Parque Eugenio Granell ata Novo Milenio vén de abrir hoxe coa inauguración oficial na que participaron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, a directora da Escola de cantería da Deputación de Pontevedra, Montserrat Magalláns e membros da Corporación Municipal. Na propia senda situáronse 17 esculturas figurativas de gran tamaño realizadas pola Escola de Canteiros de Pontevedra. O alcalde explicou a importancia de traballos coma este para a cidade.
Montserrat Magalláns agradeceu que se contara coa Escola de cantería da Deputación de Pontevedra para mostrar unha parte do traballo que realizan na súa sede de Poio.
A mestra do obradoiro sinalou o bo facer do alumnado e que unha das finalidades desta actividade é favorecer a inserción laboral.
O tramo inaugurado ten unha extensión de 700 metros e nesta quenda do obradoiro participaron 15 alumnas e alumnos. Rozáronse 31.500 metros de terreo, instaláronse 4.900 metros cadrados de pradeira, 20 metros de pasarela sobre o río, unha pontella de 15 metros para o cruce do Sar.