A seguridade é o primeiro. O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra acaba de rematar os traballos de rehabilitación estrutural do firme dun treito de medio quilómetro na estrada provincial EP-2804 entre Fornelos e Ventín, no termo municipal de Fornelos de Montes.
Este actuación executouse entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+500 e consistiu en fresar parte do firme anterior, aplicar unha rega de adherencia, a correspondente capa de rodaxe e unha nova capa de material antiescorregadizo. Finalmente, rematouse a obra coa sinalización horizontal. Previamente tamén se realizara unha limpeza e reperfilado de cunetas e marxes coa roza dos noiros de ata catro metros de altura. O orzamento para facer estes traballos ascendeu a 28.246,09 euros, e executáronse en tres semanas, un prazo menor do inicialmente previsto (un mes).
Para Uxío Benítez, deputado de Mobilidade, a rehabilitación estrutural do firme na estrada provincial de Fornelos executouse co obxectivo de mellorar a seguranza viaria na zona, xa que se detectaran diferentes deficiencias na capa de rodaxe. O nacionalista destacou que o correcto mantemento das estradas provinciais é un dos piares da Estratexia de Mobilidade 3.0 que está a desenvolver o actual goberno da Deputación de Pontevedra, fundamentado na sustentabilidade, inclusión e seguridade, a través de melloras de conservación, vialidade e sinalización, así como actuacións de calmado de tráfico e convivencia.