Este ano coinciden o 180º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro e o centenario da inauguración do monumento á nosa poeta nacional na Alameda compostelá. Por este motivo a área de Cultura da Deputación da Coruña decidiu animar a institucións, colectivos e cidadanía a lembrar o cortexo cívico que tivo lugar cando se inaugurou o monumento na nosa cidade o 30 de xullo de 1917.
Chamamento á participación
Goretti Sanmartín explicou esta iniciativa acompañada do investigador, Miguel Anxo Seixas, autor da obra “Quen fora pedra” que explica a historia do monumento. A Vicepresidenta da Deputación da Coruña indicou que se trata dun acto de “xustiza histórica” para a Deputación lembrar agora aquela inauguración.
A área de Cultura da Deputación da Coruña realizará un primeiro acto de homenaxe na estatua do Parque da Alameda o vindeiro día 23 de febreiro ás 12:00 horas, na véspera do Día de Rosalía. A Deputación tamén publicará o libro Quen fora pedra, de Miguel Anxo Seixas.